© Pint of Science, 2026. All rights reserved.
Existen moitas formas de ler o mundo que nos rodea e neste evento imos usar as mellores ferramentas para facelo. Viaxaremos ao pasado para entender por que Europa foi terra de cocodrilos, saltaremos ao presente para ver como os videoxogos nos axudan a entender quen somos, e descubriremos como as matemáticas son o "idioma secreto" capaz de poñer orde ao caos, dende un incendio ata un hospital. Unha sesión para quen quere mirar máis alá do que se ve a simple vista.
Cando os números explican realidades complexas
María Isabel Borrajo
(Universidade de Santiago)
Nesta charla falaremos de como as matemáticas e a estatística axudan a transitar por realidades complexas con menos incerteza. Desde o estudo de incendios forestais ou terremotos ata o día a día nunha Aula Hospitalaria, veremos como o pensamento matemático aparece onde menos o esperamos e se converte nun aliado para detectar patróns, tomar decisións e mellorar a nosa contorna. Unha charla amena para descubrir que as matemáticas conectan datos con persoas, e fórmulas con historias reais.
Level Up! A misión da gamersofía
Arantxa Serantes
(CIEPE)
A gamersofía propón unha mirada filosófica ao videoxogo como territorio simbólico onde se ensayan formas de comprensión do mundo, do eu e da acción humana. Máis alá do entretemento, os videoxogos son laboratorios de decisión, ética e sentido.
Cando os cocodrilos dominaban Europa
Alejandro Blanco
(Universidade da Coruña)
A charla fai un breve repaso pola diversidade pasada, orixe e evolución dos cocodriliformes en comparación coa biodiversidade actual. Descríbense os récords dos máis grandes, o máis pequeno, os máis raros e os máis especializados. A continuación fálase do rexistro fósil de Europa ata a súa desaparición. Finalmente, divúlganse os proxectos do grupo BIOpast da UDC, os seus métodos e obxectivos.
Map data © OpenStreetMap contributors.